Turismo Rural

O Concello de Castrelo do Val posúe unhas potencialidades únicas no que respecta ao turismo. Evidentemente, o turismo que atrae o noso Concello e co que convive en perfecta harmonía é un turismo de descanso, natureza e incluso de corte gastronómica.

Mais alá das da riqueza arquitectónica dos nosos pobos e da oferta cultural e de ocio da nosa rexión, calquera persoa pode gozar dos excelentes produtos da terra á hora de comer. Para iso, propoñemos unha viaxe na que quen máis aproveitará será o seu sentido do gusto.

OFERTA GASTRONÓMICA

A gastronomía tradicional da nosa comunidade rural sempre estivo relacionada cos produtos relacionados coa agricultura e gandería e coa riqueza piscícola cinexética da comarca, unidos ao aproveitamento racional que a poboación do rural fixo (e continúa a facer) dos seus recursos.

Pola nosa propia idiosincrase, o Concello de Castrelo do Val é unha zona tradicionalmente agrícola e gandeira, un aspecto que se reflicte de maneira transversal nos produtos que configuran a nosa oferta gastronómica.

CARNES

Como ocorre en case toda a nosa Galicia, falar de carnes remítenos case obrigatoriamente ao gando doméstico.

O porco, que en tempos fora o piar fundamental da economía das familias do rural, segue a ser o animal de máis profunda tradición gandeira e o que alimenta unha boa parte da cultura do noso rural. Arredor do acto da matanza, que servía as máis das veces como un factor de socialización, xuntábanse veciños para elaborar uns coidados embutidos ecolóxicos dunha calidade superior.

churrascoAínda que do porco «aprovéitase todo dende a cacheira ata o rabo», como ben di o dito popular, son destacables tódalas variedades de chourizos, as «androias» (embutido fortemente emparentado co botelo), os xamóns curados ou a cacheira.

O gando vacún e lanar tamén é abundante e dunha moi boa calidade: as carnes de tenreira galega e os saborosos cabritos da zona son algúns dos pratos que se poden degustar nos menús das nosas casas de comidas locais.

Debido ao valor cinexético dos nosos montes, é necesario resaltar neste punto as excelentes carnes froito da caza, práctica moi común no noso Concello, que conta con varias peñas de cazadores. Entre as carnes de caza máis destacables están, como non, a do xabarín, o corzo, a lebre ou a perdiz e a codorniz, por citar algunhas aves de caza.

PEIXES

Como concello de interior e lonxano ao mar, os peixes que se consumen na zona son os dos nosos ríos – entre os que destaca o Támega, un dos principais afluentes do Douro- : boas troitas e anguías, escalos, salmóns e ata lamprea… Non é difícil atopar nas casas de comidas o bacallau, típico prato portugués que traspasou as nosas fronteiras, e o polbo, que gaña moitos puntos cando máis ao interior de Galicia nos acheguemos.

FROITAS E HORTALIZAS

A riqueza dos nosos solos permite, ademais de bo monte para a caza, bos terreos de cultivo, cunha meteoroloxía favorable e un clima acolledor que permiten cultivar moitas clases de froitas que non son autóctonas, coma o kiwi. Destacan no val as froitas de tempada como as mazas, as peras, as cereixas, as ameixas ou as abelás.

A nosa horta abastécenos de boas patacas e boas verduras coma os tomates, as fabas, as cebolas, as cenorias, os pementos e os grelos, ingrediente, este último, indispensable nun prato tan típico coma o caldo.

OUTROS PRODUTOS ESTRELA

Destacan pola súa importancia varios produtos de calidade máis que superior na nosa zona

Mel: na actualidade, podemos atopar mel coa recente denominación de orixa de tres tipos diferentes como son a mel de castiñeiro (este mel é escuro, de sabor intenso e fortes recendos á flor, no noso concello dáse sobre todo no Invernadoiro), mel de queiroga (que se caracteriza pola súa coloración escura con tons vermellos e o seu sabor duradeiro e lixeiramente amargo. Dáse nas comarcas orientais da provincia de Ourense) e a mel de silva (mel con cores escuras, sabores fortes e doces, e arrecendos frutais. Dáse no centro-sur da provincia de Ourense).

mel

Castaña: o froito do castiñeiro é un produto típico na nosa zona (sobre todo nos núcleos de media montaña), cun marcado carácter social que se rememora na celebración dunha das festas máis arraigadas na provincia como é o magosto. As castañas soen consumirse cocidas, asadas ou mesmo se poden secar para o seu posterior consumo. A castaña da zona tamén alimenta a industria de produtos «delicatessen» para a fabricación das famosas castañas confeitadas «marron glaçe»

bullos

BEBIDA

Toda a comarca de Monterrei destaca polas súas augas (a comarca aporta tres das grandes marcas de auga galegas: Cabreiroá, Sousas e Fontenova), tanto en termos de calidade como en termos de cantidade. Todos os núcleos do concello posúen unha grande variedade de fontes, froito da riqueza acuífera da zona que abastece de forma regular e abundante a todos os núcleos de poboación.

Alén das augas, as bebidas máis importantes están fortemente relacionadas co cultivo da vide. Os nosos viños, encadrados na súa grande parte dentro da D.O. Monterrei (en vigor dende 1996) teñen cada día máis importancia no mundo vitícola. Na denominación de orixe predominan as variedade autóctonas, tales como Dona Blanca (Moza Fresca), Godello, Treixadura, Mencía e Merenzao (María Ardoña o Bastardo). Tamén hai tempranillo (arauxa).

Os tintos son afroitados e fortes, froito da terra da que se nutre a uva e da que se nutre e da climatoloxía da zona, e deixan un marcado sabor no padal.

A gradación alcohólica mínima é de 11 grados para os brancos de calidade superior e 10,5 para os tintos do mesmo tipo. No resto dos casos a gradación mínima é de 10 grados.

augardenteFroito do aproveitamento do bagazo (a cáscara das uvas que se retira unha vez fermentado o viño), temos un produto típico e fortemente arraigado no rural, a augardente ou caña: unha bebida de forte gradación alcohólica que se soe utilizar para acompañar o café, aínda que tamén se pode consumir soa.

As variedades máis comúns de augardente son: augardente branca, totalmente cristalina, e augardente de herbas, cun carácter cristalino pero de cor amarelo, máis suave e cun sabor afroitado e moi aromatizada. Esta augardente segue o mesmo proceso de elaboración, coa diferenza de que no proceso de destilación se inclúen unhas herbas aromáticas que lle confiren ese sabor e cor tan característicos.

A partires do augardente tamén se elabora outra bebida que goza de grande popularidade: o licor de café.

A augardente tamén é a base para a realización dunha das bebidas espiritosas máis emblemáticas de Galicia: a queimada.