A arquitectura reflicte os condicionantes climáticos e os materiais da zona que ofrecen unha perfecta integración na paisaxe. Casas de pedra con varandas de madeira e tellados de lousa forman parte da fisonomía do concello, descubrindo nas súas parroquias elementos da arquitectura relixiosa en pequenas igrexas e capelas, así como mostras significativas da arquitectura popular en cruceiros, petos de ánimas, muiños, fontes ou albarizas.
Desde o punto de vista arquitectónico debemos destacar as igrexas de Servoi, Gondulfes e Nocedo e a Capela de Vilar, sen esquecer o casco antigo de Nocedo cunha interesante fonte e varios cruceiros, dos cales o máis destacable é o de Pepín.
Igrexa de Nocedo
Pequena igrexa dunha soa nave construida no S. XVII. A fachada realizada con sillares ben labrados presenta porta con arco de medio punto e enriba un óculo circular que permite a iluminación interior. O remate en espadaña con dúas campás acentúa a verticalidade. Nos laterais fiestras pequeñas e estreitas alternan con contrafortes exteriores. Como elemento curioso podemos destacar unha fornela en forma de cuncha coroada cunha cruz e unha inscrición. No interior destaca o altar e retablo maior de estilo manierista, realizado en 1655 polo escultor D. Manuel Martínez.
Capela de Vilar
Pequeña capela dunha soa nave con porta de arco de medio punto. No interior consérvase unha ara romana, sobre a que están os retablos.
No seu lavadoiro ten dous sarcófagos antropoides medievais. Un deles cun escudo con dous cabalos e a cruz dos xudeus.
Igrexa de Servoi
A orixe da parroquia vincúlase a un mosteiro benedictino fundado no S.X., doado polo Rei Alfonso VII “O Emperador” a D. Diego, bispo de Ourense, o 28 de maio do ano 1132.
A igrexa actual é do S. XVI, aínda que foi reconstruída no S. XVIII. Conta con elementos barrocos como espadaña e pináculos na fachada. O interior dunha soa nave presenta cuberta abovedada.
O retablo maior foi realizado polo mestre Amaro da Silva, costou 2030 reais de vellón e representa as imaxes de S. Vicente, Santiago Apóstol, S.Pedro, S.Pablo e S.Antonio de Pádua. Tanto o retablo maior como os altares laterais destacan polas súas esculturas de madeira moi rústicas e vistosamente coloreadas no ano 1956.
Peto das ánimas de Gondulfes
Os petos de ánimas son obras relixiosas populares construidas nos camiños para recoller esmolas e rezar oracións polas almas do purgatorio. Esta construcción de forma rectangular e realizada en pedra presenta unha cavidade no corpo central na que se representa a S. Francisco de Asís sacando cun cordón franciscano as ánimas penitentes do purgatorio.
Está rematada cunha sinxela cruz. Os devotos adoitan poñerlle veas e ofrendas fronte á imaxe.
Cruceiro da Trascarreira
Presenta unha base cadrada, fuste liso, capitel xónico moi sinxelo e coroado por unha cruz . No seu fronte sitúase a imaxe da Virxe en actitude orante. Foi realizado no ano 1704 polo mestre pedreiro Santiago Dacepa e “mandado facer” a devoción de D. Santiago Seoane.
Cruceiro de Pepín
Cruceiro realizado en 1759 por Manuel Carre e encargado por devoción de Mateo Carnero. Aséntase sobre unha plataforma con tres gradas e está composto por pedestal cadrado no que reza o ano da súa realización, un fuste esbelto e liso.
Coroa o cruceiro un amplo capitel decorado con follas de acanto e volutas sobre o que se asenta a cruz. Presenta un conxunto iconográfico integrado por Cristo crucificado flanqueado de modo equilibrado por dúas figuras de inferior tamaño.
Cruceiro de Nocedo
Sobre unha base cadrada decorada cunha caveira no fronte, aséntase o fuste liso e o capitel con follas de acanto e volutas. Está rematado ca imaxe en solitario do Cristo Crucificado nunha das súas caras e na outra a figura da Virxe.