Nocedo do Val
Aparece rexistrado como Nozedelo no ano 985 e como Nozedo no ano 1029. En documentos dos anos 1043, 1274, 1339 e 1347 dise Nocedo.
Pasou esta vila a Celanova no 1043 por doazón dos irmáns Alonso, Munio, Guntroda, Guntina, Adaulfo e Adosinda Alva.
No ano 1480 (23 veciños) aparece mencionado como Nocedo e Nocelo, pertencente a Sancho de Ulloa no nome da súa filla Francisca e Estúñiga e a Gonzalo Rodríguez de Soutelo. Era coñecida esta vila como a Xoia do Conde.
En 1626 destaca o párroco Pedro Díaz de Murga.
No ano 1870 o párroco Antonio Caldelas tiña unha biblioteca con máis de mil volumes ubicada na reitoral. Era cuarto de entrada e presentación do Conde de Monterrei e pagaba dezmos por arcedinado.
As obras na nova igrexa de Nocedo comezadas no ano 1916 poden continuarse no seguinte (1917) grazas ao envío de 1.100 pesetas que lles fixo o exministro, pero aínda diputado, Luis Espada.
O topónimo procede do Latín nuce (noz) máis o sufixo abundacial –etum (-edo).