A Estela do guerreiro
Atopada de maneira fortuíta no ano 2011 no límite entre os concellos de Castrelo do Val e Verín, a coñecida como a Pedra Alta (nome que recibe a paraxe na que se localizou) pesa uns 800kg e conta cunhas dimensión de 175 cm de altura entre 63 e 70 cm de anchura e uns 30 cm de grosor. Loce un perfil antropomorfo, con catro fendas labradas de dúas en dúas que esquematizan, de xeito moi arcaico e primitivo, unha silueta humana. Estes rebaixes parecen ter sido feitos sobre un soporte inicialmente de perfil regular, o que deixa aberta a posibilidade de que, en orixe, fose unha estela e logo se transformase en estatua-menhir; xa que estas extremidades en resalte, nunca rebaixadas.
A peza foi labrada en granito fino, un material que non procede da contorna, xa que os xacementos máis próximos localízanse do outro lado do Támega, nos montes de Vences e Estevesiños, que distan máis de 3 km do lugar no que foi atopada a estatua-menhir.
O elemento máis extraordinario da Pedra Alta son os gravados que loce nunha das súas cara, onde foron apicoadas varias formas esquemáticas facilmente recoñecibles:
- Unha espada soportada por unha correa que se sitúa na parte máis elevada. Aparece envaiñada e soportada por unha correa que pretende ser representada cruzándose sobre o peito do guerreiro.
- Un escudo cunha abertura en uve, representado por medio de tres círculos concéntricos, e quizais complementando cunha abrazadeira horizontal. Ocupa o lugar central da peza e a súa tipoloxía fora documentada antes en Irlanda, Dinamarca ou no Mediterraneo.
- Un carro (de guerra ou funerario, non o sabemos) que loce unha incisión máis fina que o resto dos motivos, quizais a causa da maior precisión que esixe o seu gravado. Os carros son frecuentes nas estelas da área do río Tajo/Tejo e son unha mostra de interacción entre as culturas do Mediterraneo (recordemos os exemplos exipcios, asirios ou hititas) e as que habitaban a península ibérica na transición do II ao I Milenio antes da nosa era. O noso carro aparece tirado por dous cuadrúpedes, probablemente cabalos. A perspectiva utilizada permite observar este vehículo desde dous puntos de vista simultáneos.
- Unha lanza inculturada en horizontal (posible) que ocupa a base e todo o ancho da estatua-menhir.
Ata o ano 2011 nunca antes se documentara en Galicia un gravado histórico dado na Idade do Bronce que incluíse un escudo e un carro destas características. A Pedra Alta foi localizada nunha chaira aluvial situada á beira do río Támega, marcando quizais un vao do río ( antes da concentración parcelaria levada a cabo na zona existiu un camiño fondo que levaba ao río), a sepultura dun guerreiro, ou o acceso a un lugar destacado polos seus recursos mineiros. Na actualidade, en Europa, están catalogadas arredor de 120 pezas desta tipoloxía, pero máis alá da escaseza de pezas documentadas ata hoxe, sorpréndenos que este tipo de formas fose que de chegar ata nós desde o Sur Peninsular ( a máis de 360km de distancia en liña recta) lugar onde se localiza o epicentro desta manifestación simbólica de arte rupestre, inédita en Galicia ata hai un lustro.
En opinión do investigador Santos Estévez et al, os motivos foron insculturados de forma diacrónica, sendo as coviñas localizadas no reverso da peza, as primeiras en gravarse, seguidas das imaxes representativas do anverso (realizadas por un artista local, na súa opinión) e, máis tarde, das fendas angulares pareadas que lle conceden un perfil humano.
A historia de Verín en 100 obxectos