O CONCELLO DE CASTRELO DO VAL DA CONTA DA XUBILACIÓN DE ROSA LOSADA, FUNCIONARIA MUNICIPAL DURANTE 39 ANOS.  

Rosa Losada ocupaba o posto de alguacil e desempeñaba o labor de secretaria do xulgado de paz do concello, deixando tras de si un fondo recoñecemento ao seu desempeño á fronte de ambos cargos por parte de toda a corporación e a veciñanza 

A corporación quixo honrar o seu longo cometido profesional mediante a entrega dunha placa conmemorativa e unha sentida homenaxe.  

Castrelo do Val, 7 de xaneiro do 2020. O Concello de Castrelo do Val honrou, no pasado pleno celebrado o 22 de outubro, a Rosa Losada, quen foi funcionaria municipal durante os pasados 39 anos. Rosa, quen fixo efectiva a súa xubilación en novembro, ocupou o posto de alguacil do concello e secretaria do xulgado de paz, obtivo o recoñecemento unánime dunha corporación que destacou o seu labor á hora de atender as diversas peticións da veciñanza. 

En verbas do alcalde, Vicente Gómez: “Desde o meu punto de vista foi unha funcionaria exemplar cunha paciencia infinita que case se tivo que aprender as fincas de todos os veciños. Esta veciñanza que viña consultar o catastro, non teño ningunha dúbida, que a botarán de menos, o mesmo que, creo eu, toda a corporación.

Eu, botareina de menos pola súa predisposición, calquera día a calquera hora, sempre disposta a botar unhas man. Estou seguro que o pleno da corporación tamén a botará de menos.

Só me queda, en nome de todos os veciños de Castrelo do Val, darche as gracias polo traballo feito durante estes 39 anos e polos servizos prestados, agardando que poidas desfrutar moitos anos da túa xubilación, con moita saúde, ti e mailos teus». 

Ao remate da dación de conta da súa xubilación, outorgouselle unha placa en recoñecemento polos seus servizos prestados e un ramo de flores na súa honra. Rosa, ademais, recibiu o agarimo  de todos os presentes, dado o seu extraordinario desempeño nestes anos de desenvolvemento profesional.