O pasado 4 de febreiro do 2020 a corporación tivo a honra de render unha homenaxe a Dona Benigna Salgado Gómez, funcionaria do Concello do Castrelo do Val, con motivo da súa xubilación despois de 45 anos de dedicación á nosa entidade. O alcade pronunciou unhas verbas antes de facerlle entrega dunha placa conmemorativa en nome de toda a corporación municipal:

«Hoxe temos a honra de que exerza como secretaria Beni, unha funcionaria que leva 45 anos traballando neste concello. Isto significa que lle dedicou a este traballo a meirande parte da súa vida ata o de agora e que, o vindeiro día 6, comeza unha nova etapa que desexo que sexa longa e que a poida desfrutar en compaña da súa familia e achegados.

Benigna, seu nome, pero Beni como todos a coñecemos, vai deixar un gran baleiro nestas dependencias municipais pero creo que tamén en todos os habitantes de Castrelo do Val xa que, durante estos 45 anos, foi todo neste concello. Unha persoa que sempre tivo un sorriso para todos aqueles que entraban no concello facer calquera xestión, veciños e veciñas que coñecía polo seu nome e dos que sabía os seus problemas, os cales sempre tentou solucionar da mellor maneira posible.

Non cabe dúbida que a botarán de menos, tanto como os/as compañeiros/as así como toda a corporación xa que, ata o de agora, foi a locomotora desta institución. Desenvolveu todo tipo de traballos, entre eles, o de tesoureira e mesmo realizou labores que non eran da súa estrita competencia e sempre o fixo á perfección. Tamén quero destacar o gran mérito de se ir reciclando cos tempos, adaptándose ás novas tecnoloxías e á modernización da administración, algo que fixo coma todo, con excelencia.

Tal é a súa importancia e a súa pegada que non me engano se digo que é a matriarca desta institución.

Eu xa coñecía a Beni de hai tempo pero non foi ata o 2005, cando tomei posesión como alcalde, cando puiden comprobar a grandeza desta muller. Coa súa maneira de facerme o traballo doado, sempre disposta a perder dos seus dereitos en beneficio do concello, unha persoa traballadora coma ningunha, desinteresada, leal e honrada coma poucas, para min unha amiga máis que unha funcionaria.

Se a min, como alcalde, se me poden atribuír melloras no funcionamento do concello, é, en gran parte, polas persoas que traballan nel pero, en especial, grazas a Beni. Para min foi moi fácil ser alcalde con ela de funcionaria. Puiden depositar toda a miña confianza nela sabendo que nunca me ía defraudar. Tamén quero pedirlle desculpas por se algunha vez, nos avatares do día a día, cometín erros que lle puideran molestar na nosa relación laboral e, sobre todo, senón fun quen de recoñecerlle os méritos que, sen dúbida, ten. E, falando de méritos, quero destacar unha virtude que ten Beni que lle honra especialmente: visión institucional que primou sobre consideracións particulares, inspirada en tres regras de ouro; servir á cidadanía, colaborar cos seus compañeiros/as e políticos/as e non deixarse seducir por obter comodidades ou beneficios individuais.

Só me queda dicirche: moitas grazas Beni, tes o meu agarimo e agradecemento.»