O CONCELLO DE CASTRELO DO VAL REPARTE 2000 MÁSCARAS ENTRE A SÚA VECIÑANZA, CON CARGO AOS SEUS PROPIOS FONDOS, SUMÁNDOSE Á SERIE DE MEDIDAS ADOPTADAS DESDE O COMEZO DO CONFINAMENTO

Cada habitante do municipio recibirá nestes vindeiros días 2 máscaras cirúrxicas para garantir a súa protección durante o estado de alarma pola pandemia do COVID-19

O alcalde sinala que, “tomamos esta medida ante a escaseza de material de protección nas farmacias e co obxecto de que a veciñanza ande protexida cando teña que saír por cuestións de primeira necesidade”

Castrelo do Val, 15 de abril do 2020. O Concello de Castrelo do Val está preparando o envío e reparto de 2000 máscaras cirúrxicas adquiridas con recursos propios para facérllelas a todos os habitantes censados no municipio. Cada veciño ou veciña recibirá nestes vindeiros días 2 máscaras de uso individual para garantir a súa protección todas as veces que teñan que saír dos seus domicilios por cuestións de primeira necesidade.

Esta medida súmase a algunhas xa tomadas desde a declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, tales como a impresión de material escolar, o reparto de libros escolares entre o alumnado do CEIP de Castrelo do Val ou o reparto de medicamentos a persoas en risco.

O alcalde da localidade, Vicente Gómez, indica que: “adoptamos esta medida ante a escaseza de material de protección nas farmacias e no mercado en xeral. Queremos asegurar que a veciñanza conta con máscaras para poder saír a comprar comida ou medicamentos ou acudir aos seus centros de traballo, se for o caso. Un uso correcto destas máscaras garante a súa protección e, sobre todo, que non se espalle o virus. As persoas atópanse con moitas dificultades á hora de comprar máscaras e, por iso, tomamos a decisión de compralas desde o concello e ofrecer esta axuda a toda a veciñanza”.

De todos os xeitos, desde o Concello de Castrelo do Val, lembran que o consello a seguir é quedar na casa e non saír agás que sexa estritamente necesario. “As máscaras, se facemos un correcto uso das mesmas, poden evitar o espallamento do virus pero o importante é seguir co confinamento ata que se decrete o contrario e manter o distanciamento social recomendado polas autoridades sanitarias”, sinala o rexedor.