Comunicado

O MUSEO ETNOGRÁFICO-ARQUEOLÓXICO DE CASTRELO DO VAL REABRE AS SÚAS PORTAS O VINDEIRO SÁBADO CUN ACTO ESPECIAL NO QUE ENSINARÁN EN PRIMICIA UNHA RÉPLICA DO GUERREIRO DA PEDRA ALTA, VESTIXIO ÚNICO DOS PRIMEIROS POBOADORES DA COMARCA

O concelleiro de Cultura, Ramón López convida a participar nun evento que, “da a coñecer parte do noso patrimonio e supón o punto de partida da andaina dun labor inmenso de recollida etnográfica e procura arqueolóxica para coñecer mellor o noso pasado en común”

O vestixio foi achado por José Luís Lozano “Nipis” no 2011 e data da idade do Bronce, a réplica é do escultor Marcos Escudero e o estudo arqueolóxico que o acompaña foi realizado pola arqueóloga Nieves Amado.

Castrelo do Val, 11 de marzo do 2020.

O concelleiro de Cultura do Concello de Castrelo do Val, vén de anunciar a reapertura do Museo Etnográfico-arqueolóxico co que conta o municipio, este vindeiro sábado 14 de marzo ás 5 da tarde, nun acto que supón o comezo da andaina deste espazo singular que recolle pezas únicas e singulares do pasado do concello. A peza estrela da inauguración vai ser a réplica do Guerreiro da Pedra Alta, unha estela atopada no 2011 por José Luís Lozano “Nipis” e reproducida fielmente polo escultor Marcos Escudero de Mos.

Esta peza data posiblemente de entre os anos 1200-1000 a.C., na Idade de Bronce e trátase dun vestixio dos antigos poboadores da comarca único en toda Galicia e dos poucos que se acharon na Península Ibérica.

Ante a imposibilidade de expor a peza orixinal, posto que está gardada no Museo Arqueolóxico de Ourense e non se permite o seu traslado ao museo de Castrelo, o grupo de goberno de Castrelo decidiu encargar unha réplica para que a veciñanza puidera contemplar de primeira man os restos arqueolóxicos que son de seu. Ao tempo o alcalde declara que: “tamén decidimos, ao fío desta actuación, organizar un obradoiro de cantería impartido polo escultor da réplica, mentres da remate á propia obra”.

O acto incluirá uns paneis explicativos elaborados pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, natural de Laza, nos que se da conta do estudo realizado para coñecer o significado das figuras presentes na estela do guerreiro e contextualizar o resto atopado. O edil de Cultura indica que, “este acto culmina un labor inmenso realizado en colaboración coa veciñanza do concello, á hora de recoller elementos antigos que falan da nosa propia historia como pobo senlleiro. A participación tanto dos poboadores do municipio como dos expertos fai posible que poidamos abrir un museo repleto de pezas únicas e ben catalogadas que achegan valor engadido aos atractivos turistíco-culturais de Castrelo do Val”.

O evento contará coa actuación do grupo de pandereteiras da Escola da Asociación Cultural Candaira de Castrelo e ofrecerase aos asistentes un convite durante a celebración do acto.

Do mesmo xeito, Ramón López anuncia que, “estamos a traballar nunha ruta que vai estar estreitamente relacionada coa da actuación no museo e que percorrerá o pobo e as zonas onde apareceron as descubertas arqueolóxicas como é o caso da Pedra Alta, o Castro da Cabanca, o cemiterio do San Martiño, etc.”