O PLENO DE CASTRELO DO VAL PRONÚNCIASE POR UNANIMIDADE EN CONTRA DO PECHE DO PARIDOIRO DO HOSPITAL DE VERÍN E RECLÁMALLE  Á XUNTA O RESPECTO POLOS DEREITOS SANITARIOS DO RURAL. 

O alcalde sinala que “con esta decisión estase pondo en risco a vida e a saúde das nais e dos seus bebés recen nados senón tamén dos e das meniños/as que acoden a urxencias e afóndase na desigualdade que padecemos nos concellos pequenos”

 A corporación tamén aprobou por unanimidade esixirlle á Xunta o arranxo inmediato das estradas OU-113 e OU-114 gravemente deterioradas polo paso de camións do AVE e que están pondo en risco a seguridade dos e das usuarios e usuarias 

Castrelo do Val, 5 de decembro de 2019.

O pleno da Corporación do Concello de Castrelo do Val vén de aprobar unha declaración institucional, no pleno ordinario de decembro, en contra do desmantelamento dos servizos públicos que se prestan no hospital comarcal de Verín e instan á Xunta de Galicia e ao Sergas para que se recuperen, manteñan e melloren os servizos de pediatría e paridoiro no centro sanitario de referencia da bisbarra. O alcalde, Vicente Gómez, considerou que o pleno tiña que tratar este asunto coa máxima urxencia, dados os últimos acontecementos e a preocupación crecente entre a poboación pola perda dos seus dereitos sanitarios máis básicos. Na declaración, secundada por todos os grupos políticos, recoñécese a diminución progresiva das prestacións sanitarias no hospital comarcal e tamén na atención primaria na comarca. “Non só se trata do paridoiro ou das urxencias pediátricas, cuestións importantísimas para o asentamento poboacional, senón os déficits que vimos padecendo en moitos dos servizos, tales como cirurxía, traumatoloxía,dermatoloxía, anestesia ou paliativos, rexeitamos a decisión da Xunta e do Sergas porque non somos números, somos persoas con dereitos en pé de igualdade con outras zonas”, sinalou o alcalde. Castrelo da, así, un paso adiante para manifestar o sentir xeralizado da veciñanza, farta de ser tratada coma cidadanía de segunda. O desmantelamento afectasingularmente aos municipios rurais, con poboacións avellentadas como Castrelo do Val; impedindo, por unha banda, o asentamento da poboación e, por outra, derivando aos maiores a Ourense para seren tratados de diversas doenzas típicas da súa idade, como poden ser as de traumatoloxía. A perda do paridoiro do Hospital de Verín, unha decisión sen precedentes que foi executada con velocidade, obriga, desde xa, a que os partos no sistema público desaúde de mulleres da comarca de Verín sexan desprazados a Ourense. Isto obriga a desprazarse máis de 100 km a moitas futuras nais, desviando un servizo tan básico tendo un hospital próximo. Esta decisión foi asumida con indignación por toda a poboación afectada, provocando unha das maiores mobilizacións que se lembran na historia da bisbarra de Monterrei, que foi secundada por un innumerable conxunto de organizacións do tecido social, político e asociativo da comarca.“Os poderes públicos temos que estar ao lado das veciñas e dos veciños, dar a cara e opoñernos a unha decisión que, á marxe de supostos criterios científicos ou económicos esgrimidos, condena aos nosos concellos á perda constante de servizos públicos asistenciais. Queremos ter os mesmos dereitos que os habitantes das cidades e loitar contra o esmorecemento ao que nos condenan desde a administración autonómica, neste caso”, concluíu o rexedor. 

A corporación de Castrelo do Val, aprobou os seguintes acordos, aos que se lle dará o convinte traslado: 

1) Demandar da Xunta de Galicia, da Consellería de Sanidade e do SERGAS que se recupere, manteña e mellore de inmediato os servizos de pediatría e paridoiro no Hospital de Verín, co persoal e recursos materiais axeitados paraser ofrecido na maior calidade asistencial. 

2) Instar ao Sergas para que deseñe e implante un Catálogo de Servizos Mínimos, que determine aqueles servizos de atención hospitalaria que deben ser ofrecidos, como mínimo, en todos os centros hospitalarios de Galicia con persoal e recursos propios. Isto garantirá que os Hospitais Comarcais poidan ofrecer estes servizos á súa poboación de referencia. 

3) Deseñar nos vindeiros seis meses, en colaboración cos representantes dos traballadores e colectivos profesionais implicados, un plan extraordinario de dotación de recursos para o Hospital de Verín que permita recuperar progresivamente a oferta de servizos e cumprir o establecido no Catálogo de Servizos Mínimos. 

4) Dar traslado destes acordos á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á dirección do SERGAS e á xerencia do EOXI de Ourense, Verín e O Barco para que se comprometan as medidas necesarias para non sufrir a perda de máis profesionais e recursos materiais no Hospital de Verín.

_____________________________________________________________________ 

Declaración institucional demandando o arranxo das estradas OU-113 e OU-114. No que respecta ás estradas OU-113 e OU-114 ao seu paso por Castrelo do Val, a corporación en pleno acordou esixirlle á Xunta de Galicia, administración titular destas vías, que arranxen as fallas existentes, ocasionadas polo paso continuo da flota de camións procedentes das obras da alta velocidade, evitando así que aumenten os danos e o incremento do risco para a veciñanza usuaria das mesmas. Vicente Gómez indica que, “se pode comprobar este continuo derramo debido acontinuo paso dos camións. Co transcorrido destes vehículos por esta estrada, ocasionase que se formen fochas e desniveis que dificultan o tránsito do resto de usuarios/as e un risco para os peóns. Aos danos sinalados hai que lle sumar odesprazamento dun muro e o estrago da beirarrúa a causa do continuo peso que soporta a vía, dado o estado da mesma, na zona do pavillón da nosa localidade. Reclamamos que a Xunta se faga responsable con urxencia”. 

Comunicación Concello de Castrelo do Val