Discurso de despedida que pronunciou o alcalde no pleno no que xubilou o secretario (Domingo Martínez López) o pasado 14 de xaneiro do 2020, ao que se sumaron os concelleiros da oposición:

«A Domingos xa o coñecía de sempre pero nunca o tratara ata que formei parte desta corporación no ano 1995 pero foi no ano 2005, cando fun escollido alcalde, que esa relación foi máis estreita, como non podería ser doutra maneira, entre alcalde e secretario. Para min foi unha sorte contar cun secretario cun gran coñecemento da administración local e del tamén aprendín a xestionar dita administración.
Foron 14 anos que, como calquera matrimonio, nalgunha ocasión non coincidiamos nas achegas pero fomos quen de superar esas discrepacias sempre dentro da estrita legalidade e buscando o mellor para o concello e os seus veciños.
Foron tempos nos que tamén se tivo que ir reciclando para asimilar os cambios que nos últimos anos se produciron na administración; tamén creo que durante os 14 anos que eu levo de alcalde nos entendemos perfectamente e a proba é que nunca tivo que facer ningún reparo ás decisións desta alcaldía. Isto debeuse a que sempre fomos capaces de consensuar aqueles temas e retos que foron aparecendo no concello.
Pero a vida son etapas que van pasando para todos e Domingos completou, con creces, a etapa de traballo e xa que vai cumprir os 70 anos e agora tócalle desfrutar da xubilación,  a cal espero que sexa longa e gozar plenamente coa súa familia. Polo que, en nome da corporación, só me queda darlle as grazas polos 38 anos dedicados a este concello e proceder á entrega desta placa como recordo ao seu bo facer. «